Friday 01 de November de 2024

A comisión de festas de Santa Isabel tamén organiza un xantar popular


A parroquia de San Sadurniño honrará a súa patroa a primeiros de xullo tras catro anos sen festas

Ademais desta comida, no municipio hai programadas outras dúas para as próximas semanas: a organizada en Amido o día 27 pola comisión de festas de Igrexafeita e a que terá lugar na explanada de San Cristovo o 17 de maio

 

Apuntade na axenda esta data: sábado 4 de maio. Ese día a partir das 14:00h temos unha nova cita festiva no xantar popular que organiza a comisión de festas de Santa Isabel 2024. O evento terá lugar no patio cuberto do CPI de San Sadurniño con sesión vermú, comida a base de paella e churrasco e despois, ao longo da tarde, troula musical ata que o corpo aguante. É necesario reservar antes do 2 de maio nos teléfonos 697 392 693, 630 288 080 ou 627 207 750.

As festas patronais de San Sadurniño celebraranse nos primeiros días de xullo despois de catro anos sen elas. O cartel aínda non se fixo público, pero xa circulan rumores sobre a actuación dunha das tres orquestras top do verán galego.

A comisión, anunciada a principios de ano, traballa na recadación de fondos para un regreso soado de Santa Isabel, que se sumará a outras citas estivais xa confirmadas, como son o San Paio e o San Cristovo en Ferreira, o San Roque en Naraío, a Santa María-San Pipote de Bardaos e o Biscordel en Igrexafeita. Festas todas elas que ou ben xa organizaron ou ben van organizar tamén xantares populares.

De feito, de cara a este mes, o sábado 27, temos en Amido -Igrexafeita- o xantar popular do San Marcos (para financiar o Biscordel) e tan só unhas semanas despois, o venres 17 de maio, tocaralle a Ferreira celebrar na explanada do San Cristovo o seu tradicional encontro veciñal arredor da mesa, co que tamén se financiará o San Paio de finais de xuño e o San Cristovo de principios de xullo.

No caso da comida a prol de Santa Isabel, a data elixida é o sábado 4 de maio. Máis en detalle, o menú estará composto por un primeiro prato de paella, logo churrasco a fartar e, como remate, sobremesa, café e un licor. O prezo xeral é de 30€ e a rapazada menor de 10 anos xantará gratis. A comisión anotará reservas até o día 2 de maio a través dos teléfonos 697 392 693 (Rubén), 630 288 080 (Cobelo) ou 627 207 750 (Darío).

Segundo o cartel anunciador difundido nas redes sociais hai escasos días, antes do xantar -ás 14:00h- haberá unha pequena sesión vermú animada por un grupo musical, ás 15:00h servirase o xantar e despois da sobremesa e os sorteos habituais volverá a música, que seguramente estire a troula ata ben entrada a noite.